lunes, 4 de mayo de 2020

Non avanzamos materia neste terceiro trimestre

ESTE TERCEIRO TRIMESTRE NON AVANZAMOS

As instrucións do 27 de abril pasado, da consellaría de educación, din moi claramente nas directrices xerais, as que se lle aplican a todos os centros docentes galegos, no parágrafo 6.2 que “durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do alumnado”.
Hai que recoñecerlle á consellaría que, logo de semanas de incerteza, desta volta aclarou totalmente un dos problemas serios que temos neste último trimestre do curso do COVID-19; porque se co texto anterior non abondara, aínda repite despois, no parágrafo 7.3 cando fala de avaliación que “A avaliación final… realizarase sobre as aprendizaxes desenvolvidas nos dous primeiros trimestres así como as actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que se desenvolvan durante o terceiro trimestre sempre e cando se beneficie ao alumnado”.
Polo tanto quedan contestadas dúas preguntas que se repiten constantemente entre as familias galegas:
Pódese avanzar materia no terceiro trimestre ? NON, non se pode.
Pódese facer depender, en calquera medida, a cualificación final do curso de traballos, ou exames, realizados sobre materias non traballadas nas aulas ? NON, non se pode.
Haberá quen diga que hai alumnado que está en disposición de avanzar sen problemas, a quen mesmo se lle pode facer aproveitar o tempo dun xeito “útil”, se é que avanzar en contidos é precisamente a utilidade que cómpre nestes momentos. Pero é así realmente ?, onde está a aula na que todas as persoas que a compoñan vaian á par, estean todas conectadas coas mesmas facilidades, teñan a mesma disposición de ánimo, o mesmo tempo libre, as mesmas gañas, a mesma velocidade ?, onde está a aula que non teña alumnado con necesidades especiais, que non sexa diversa?, onde está a aula na que se podería avanzar sen que ninguén de entre o seu alumnado quedara atrás ?. Esa aula non existe, agás de que se faga un peneirado previo á entrada, agás de que se seleccionara ao alumnado que ía pasar pola porta; pero ese precisamente é o orgullo do Ensino Público, que nós non seleccionamos, porque non cremos na selección das persoas, nin queremos permitila.
Pero, por que é fundamental  non avanzar ?, pois porque é moi importante, máis importante que nunca, non deixar a ninguén atrás; se avanzamos á velocidade dun grupo, outro grupo quedará retrasado, se dedicamos o tempo a novas materias, estamos privando aos que máis o precisan do seu dereito ao reforzo do que non teñen ben consolidado; se este ano dámos pasos en falso, sen que todo o alumnado vaia á par, o curso próximo agrandaremos a diferenza, e os que van atrás ficarán con algo máis de distancia.
Nunca se viu tanto como neste momento o custoso socialmente que é ter unha sociedade a varias velocidades. Se tiveramos investido en termos un País conectado, agora non habería fenda dixital. Se tiveramos asumido a obriga constitucional de termos unha educación obrigatoria gratuíta, que asumira para todas o custe de todos os medios necesarios, agora non teriamos mocidade sen medios tecnolóxicos. Se aceptaramos a imperiosa necesidade da modernidade, agora non teriamos profesorado, nin alumnado, sen a formación precisa para vivirmos no século no que vivimos. Se tiveramos asumido que nenos e nenas confinados nas súas casas hainos sempre, cada un deles o tempo que lles compra, poderiamos ter artellado un sistema de atención que agora podería ser utilizado.
Pero hai máis, e mesmo máis importante: se tiveramos feito o traballo inaprazábel de atención á diversidade que a nosa propia dignidade debería esixirnos, agora mesmo non estariamos onde estamos; teriamos desenvolvido un nivel de atención, de compromiso, de adaptabilidade, que impediría o falso dilema do avance dalgunhas a custa do atraso doutras; teriamos material adaptado, profesionais formados na atención, colaboración e contacto permanente coas familias para atender ás necesidades especiais, teriamos unha estrutura que incluíra definitivamente a todo o alumnado e aproveitariámonos diso.
Porque cando unha sociedade non é quen de avanzar á vez, chega a onde nós chegamos desta volta: ao abandono de moitas máis persoas das que pensabamos; ou é que alguén pensa que neste momento hai unha maioría de rapazas e rapaces correctamente atendidas, académica e afectivamente, por parte do sistema educativo?. E non falamos do profesorado, que fai o que pode cos vimbios dos que dispón, nin das familias, que non dámos feito nin o que estamos facendo, nin sequera do propio alumnado, que aborda como pode esta situación; falamos de quen debería responsabilizarse do que está pasando que é quen ten a competencia para corrixilo e melloralo.
Mais isto é o que está a pasar, o que xa se vía vir, aínda que non nesta enorme proporción; pero o peor pode ser o futuro se non aprendemos, se non tiramos conclusións rápidas, se non mudamos o modelo erróneo que estamos a preservar. Porque o problema non é volver á normalidade, o problema é que a normalidade que tiñamos foi a que nos conduciu a isto, e temos que rexeitala. 
O curso que ven, o 2020-2021 temos que comezar onde o deixamos, no 13 de marzo de 2020, sen dar nada por sabido nin por aprendido; teremos que adaptar currículos, axustar tempos, acompasar contidos, atraer a todo o mundo; tomalo como un novo comezo e facelo mellor. Pero non coas ferramentas que temos hoxe. Temos que ter aulas con menos nenas e nenos, con rateos menores porque iso permite máis atención; temos que ter profesorado de apoio que colabore co titular, porque iso permite avanzar máis a todas á vez; temos que ter un proxecto de modernización da escola pública, polo que camiñemos obrigatoriamente todas as persoas que somos comunidade educativa. 
Pero tamén precisamos avanzar nos medios materiais para o uso do alumnado, para que ninguén careza deles, e para que cheguen a todas da mesma maneira, fornecidos pola administración educativa, por suposto, non pola vía das bolsas ou as subvencións, senón pola vía da entrega universal a todo o alumnado, en condicións de igualdade e sen ter que facer absurdas solicitudes, que só son declaracións de necesidade que ninguén precisa coñecer na escola.
E novos edificios, e novas tecnoloxías nas aulas, e novos currículos que introduzan a actualidade nos centros escolares; e novos diálogos e novas presenzas, as de todas á vez nun proxecto común.
Por iso non podemos avanzar agora, porque temos que coller forzas para iniciar unha nova andaina, forzas para esixir de quen ten que facelo, un novo Ensino Público, no que isto que hoxe ocorre non sexa posíbel.