Despois do peche de centros educativos o pasado 13 de marzo, a Confederación de ANPAS Galegas quixo saber como se estaban a desenvolver as clases virtuais nestes días de confinamento. Por iso realizou unha enquisa entre as familias galegas, para ter información de primeira man sobre a realidade escolar que se está a vivir nos nosos fogares. Os datos recolléronse entre o 28 de marzo e o 11 de abril. Os resultados distan moito dos que nos indican os datos oficiais. Trátase dunha enquisa voluntaria e realizada nestas circunstancias excepcionais, polo que estes datos son orientativos, pero deben ser tidos en conta.
O 64% das respostas corresponden á etapa de Educación Infantil e Primaria, e o 26% a Educación secundaria, das que o 15% son de Bacharelato.
O 84% dos enquisados están recibindo as tarefas online, pero o 7% ten que acceder a través de teléfono móbil por non contar con dispositivos e un 9% non conta con conexión a internet. Ademais algo máis da metade indican que o sistema online está a funcionar ben ou que pode ser mellorable fronte a un 9% que indica que non está a funcionar.
En canto a cantidade de tarefas que está enviando o profesorado, mais da metade das familias coinciden en que son similares as que tiñan no día a día (65%) mentres que un 30% sinalan que se están enviando máis das habituais e un 5% que non están enviando tarefas de ningún tipo. Gran parte do profesorado non se está dando materia nova, mentres que un tercio das familias indican que se está avanzando en algunha materia e menos do 20% que se está a facer en todas.
A metade do profesorado está en contacto co alumnado, un 30 % só enviaron tarefas e e o 20% envía tarefas e o alumno as reenvía pero non hai outro tipo de contacto.
Un 20% das enquisas recollidas corresponden a alumnado con NEAE. As súas familias sinalan que o 60% están e facer o mesmo tipo de tarefas co resto dos compañeiros, sen que exista ningún tipo de adaptación específica. O 57% deles non reciben ningún tipo de acompañamento por parte do profesorado.
A enquisa tamén nos permitiu achegarnos á situación escolar durante o confinamento a través das observacións aportadas polas familias. Estas sinalan en moitos casos a falta de información, o emprego dunha gran diversidade de plataformas online, e subliñan as dificultades de conexión, e o esforzo do profesorado.
E en síntese, o estudio permítenos ter unha fotografía aproximada do que está a ocorrer: familias sen acceso a internet ou con dificultades de conexión, ferramentas dixitais en moitos casos pouco ou nada familiares para os menores que, acompañados maioritariamente polo seu profesorado, desenvolven tarefas escolares con un ritmo similar ao que viñan tendo. Un profesorado que está facendo esforzos para adaptarse a este novo escenario, sen medios e directrices por parte de administración educativa, nunha situación á que a falta de información, de formación e de recursos engaden aínda maior complexidade.