Até o mes de marzo pasado, o Ensino Público era sempre presencial, as nenas e nenos erguíanse pola mañá, collían as súas mochilas sobre cargadas de libros e libretas, e marchaban a clases, ían en autobús, en coches particulares, ás veces -poucas- andando, compartían transporte con outras persoas, compañeiras ou non; e chegaban a centros escolares ateigados de nenos e nenas, ou case baleiros se viven no rural galego, en aulas múltiples ou específicas. Pero había aulas, e docentes nas aulas.
Sempre?, non, o que sempre houbo foron nenos e nenas con enfermidades que lles impedían asistir ás aulas, dende un sinxelo catarro até a enfermidade máis dura e difícil; e xa temos a primeira distinción de tratamento:
- Se a prescrición médica marca unha posíbel estadía na casa superior a un mes: iniciamos o protocolo de atención domiciliaria. Tamén se temos unha enfermidade crónica que provoque ausencias mínimas de seis días ao mes durante seis meses.
- Se a prescrición marca un tempo inferior a un mes, ou se as ausencias por enfermidade crónica non chegan a ese mínimo de 6 días/seis meses, non hai protocolo e a atención é INEXISTENTE.
Vaia entón, o primeiro que sacamos deste protocolo é que para que te atendan tes que estar realmente enfermo, porque máis dun mes de ausencia é algo serio. Primeiro problema: a Xunta entende a atención domiciliaria como unha situación excepcional, non pretende favorecer a continuidade no ensino.
E esa é a razón pola que comezamos pola atención domiciliaria, para facer entender que a consellaría de educación nunca comprendeu como se debe tratar a ausencia ás clases, porque xamais traballou para manter a docencia fóra das aulas, nin para fornecer ao alumnado dunha lóxica de continuidade, nin colaborar para que as múltiples situacións de ausencia non fosen tamén causa intrínseca de retraso escolar; porque a enfermidade que imposibilita esa non asistencia non é sinónimo de incapacidade para continuar o ritmo escolar, aínda que a Xunta así o trate.
Agora estamos en situación de risco permanente pola incidencia da COVID-19, e temos a experiencia da non asistencia ás aulas dende 12 de marzo até a finalización do curso pasado, vivimos a improvisación, a multiplicación de plataformas e sistemas de comunicación, a falta de formación do profesorado, o alumnado e as familias, a falta de goberno da consellaría que permitiu e favoreceu un absoluto caos na xestión da non presencialidade… e con todo iso afrontamos o presente, un presente que segundo o protocolo de adaptación para o curso 2020-2021, na súa versión do 16 de setembro pasado, dinos que:
- Os centros elaborarán un plan de continxencia no que se establecerán as medidas que se adoptarán no caso de suspensión da actividade lectiva para facer efectivo o ensino non presencial.
- Nese suposto, o profesorado, preferentemente a través da aula virtual do centro, determinará as tarefas a realizar polo alumnado garantindo a adquisición das aprendizaxes básicas e a avaliación continua, garantindo unha axeitada atención ao alumnado NEAE, con especial coidado na atención ao alumnado NEE.
- Establecerase un procedemento de comunicación entre alumnado, familias e equipos docentes, a través dos medios telemáticos corporativos. Este procedemento determinará e concretará claramente os obxectivos ou finalidades da comunicación, as persoas responsábeis así como a súa temporalización.
Ou sexa, todo o ensino non presencial canalízase a través das aulas virtuais, que a consellaría de educación facilitará a todos os centros educativos, cuxo acceso estará incluído na páxina web de cadanseu centro escolar. Estas aulas xa teñen creados os cursos, os usuarios-as para alumnado e profesorado, porque iso tiña que estar feito en setembro antes de comezar o curso. E supoñemos que a estas alturas tamén están xa feitas “as reunións oportunas para informar ao profesorado dos seus usuarios, do modo de ensinar aos/ás alumnos/as a inscribirse nos cursos, e da formación dispoñíbel”.
Por suposto, porque o protocolo di que se fará “á maior brevidade posíbel”, todo o alumnado debera coñecer perfectamente o funcionamento do seu curso e da metodoloxía que deberá seguir “·no hipotético caso de ter que realizar o ensino a distancia”.
E todo, todo “terá que estar plenamente operativo e funcionando ao finalizar o mes de setembro”
Tamén en setembro “os/as titores/as identificarán ao alumnado que, por mor da falta de recursos ou de conexión no seu fogar, puidera perder o acceso á educación telemática no caso de ensino a distancia”; e a dirección de cada centro saberao e realizará unha listaxe deste alumnado “no caso dun eventual paso ao ensino a distancia”
Ben, estamos xa en novembro, aínda que houber retrasos, pasou xa máis dun mes dende que rematou setembro e polo tanto dámos por feito que temos aulas virtuais, que todo o mundo sabe manexalas e que ademais temos identificadas as dificultades de conexión do alumnado, e fixemos as listaxes correspondentes.
As aulas virtuais usaranse para todos os supostos de non presencialidade ?, non di iso o protocolo. Usaranse para o alumnado de 3º de primaria en adiante, “… nos supostos de educación a distancia… e para o alumnado que estea en situación de corentena…”
De momento temos unha regulación do ensino non presencial que abeira a:
- Alumnado en corentena
- Alumnado con suspensión da actividade presencial no conxunto da aula.
Pero é que hai máis casos de non asistencia recoñecidos pola normativa como xustificábeis:
- Os que teñan síntomas compatíbeis coa COVID-19.
- Os que se atopen en illamento por diagnóstico da COVID-19.
- As persoas en espera do resultado de PCR por sospeita clínica.
- O alumnado que poida ter a condición de vulnerábel.
- O alumnado que padeza enfermidades non relacionadas coa COVID-19.
- As “vítimas” dos diferentes supostos de semipresencialidade en bacharelato.
E a estes casos deberiamos sumar un suposto, aínda non contemplado pero que debera selo, cal é o do alumnado que conviva con persoas vulnerábeis á COVID-19.
Todos estes son casos de non asistencia a clases, de perda de horas lectivas, e de abandono de escolarización, xa están ocorrendo. E maioritariamente, salvando excepcións excelentes, a resposta é sempre a mesma: ese alumnado está sendo desatendido por parte da administración educativa, que non por parte do seu profesorado que non ten medios, nin tempo, nin capacidade para facer outra cousa que a que está facendo, atender ás aulas que ten encomendadas.
E por que?, pois novamente, coma sempre pasou na atención domiciliaria, porque a administración educativa galega non é quen de comprender que a non asistencia ás aulas non ten porque levar aparellada a desatención docente, porque continúa concibindo a escola como un lugar e non como un concepto, e porque todo o que ocorra fóra dese lugar non o considera da súa competencia, o que explica, por outra parte, a incompetencia constante desa administración educativa, e a súa identificación da docencia co profesorado específico de cada alumna ou alumno; mesmo no único caso no que esta realidade ten unha mínima ruptura, que está nas aulas hospitalarias, se considera esa docencia máis como un acompañamento asistencial que como un dereito á escolarización, non hai máis que ver de que administración dependen: da sanitaria e non da educativa.
E agora?
Agora, hoxe mesmo, 3 de novembro, estamos dixerindo un exercicio de cinismo maiúsculo por parte da administración educativa, que nos presenta un plan de ensino virtual diante da COVID-19 para “blindar os valores que caracterizan o noso sistema educativo, a calidade e a equidade”. Lembremos que a equidade levada á práctica non é máis que “dar a cadaquén o que lle pertence”, e que iso, falando de educación, é:
“Igualdade de oportunidades para o desenvolvemento cheo da personalidade a través da educación, a inclusión educativa, a igualdade de dereitos e oportunidades que axuden a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación, e que actúe como elemento compensador das desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais, con especial atención ás que se deriven de calquera tipo de discapacidade” (LOE consolidada, artigo 1.b)”
Que nos di ese “plan de ensino virtual” ?:
- Que até o de agora non sabemos o que se fixo, aínda que todo debera estar feito xa en setembro, pero que en calquera caso iso xa se resolve agora, nunha semana.
- Que o ensino virtual porase en marcha “como recurso en caso de corentena ou confinamento total” (os outros casos todos continúan quedando desatendidos).
- Que cada centro organizará como poida. Novamente, coma sempre con esta consellaría, derivando nos centros educativos a responsabilidade toda do sistema. E creando miles de respostas diferentes no mesmo territorio.
- Que se trata de termos unhas rutinas similares ás do ensino presencial. Pero non, estamos a falar dun ensino non presencial, como podemos pensar en termos unhas rutinas semellantes ?, teremos que dar un maior peso á atención emocional dunhas crianzas que levan sete meses de tolemia absoluta, teremos que utilizar rutinas acaídas á situación que se estará a vivir, que son totalmente diferentes das que se poden dar nunha clase convencional, teremos que facilitar a interacción entre os compañeiros-as para garantir o espírito de convivencia, imprescindíbel en situación de confinamento, e non pensar nas aulas como unha simple interacción alumno-a/profesor-a, e a realización de tarefas convencionais que poidan ser avaliábeis.
- Haberá un horario-espello. Haberá horario !!!, onde se poida, non si?, porque nun fogar confinado pode ser, e ademais é moi posíbel, que non haxa un ordenador por persoa, pode ser que convivan varios alumnos-as na mesma casa, e até pode ser que convivan con pais e nais que traballen tamén con ese mesmo e único ordenador. Pero é que ademais estamos a falar de alumnado de 8 anos en adiante, que terán que estar facendo o “horario espello” de quen poida atendelos; ou é que todo neno-a confinado ten necesariamente que ter ao seu carón unha persoa coidadora que lle permita dispor do horario que lle pareza acaído á administración educativa ?
- Distribuiranse medios informáticos en función das necesidades do alumnado: aínda non sabemos que os medios informáticos (comunmente chamados ordenadores) son só unha parte menor do inmenso problema de conectividade que ten a nosa xeografía?, aínda estamos pensando que repartir ordenadores é como repartir libretas? Á parte de que é indignante que a estas alturas aínda non teñamos avanzado nada en canto á gratuidade dixital universal para todo o alumnado público; é alucinante que a administración educativa, cando están a se cumprir case 8 meses dende o estado de alarma do mes de marzo, aínda non teña desenvolvido un plan completo de solución da fenda dixital galega; e resulta case incríbel que continuemos a pensar que as familias que carecen de “medios informáticos” non precisan prioritariamente dunha formación integral no uso e na convivencia con eses medios, para que poidan acompañar e favorecer a súa utilización por parte das súas fillas e fillos.
Distribuír ordenadores, como se fixo no anterior confinamento, resolve parcialmente algún problema, poucos porque do que si se preocupa o “plan” é de avisar que o que se dea hai que recollelo canto antes, non vaia ser que “os pobres” queden coa esmola administrativa, pero en ningún caso resolve o problema estrutural dixital galego, que non entende nin de rendas, nin de intereses, entende só de falta de organización territorial para procurar a equidade, aquela do principio que este cínico plan proclama “blindar”, sóanos ?
- Avaliación e control do alumnado: en caso de confinamento, o que lle preocupa á administración educativa é poder avaliar a controlar !!!, nin falamos de acompañar, nin de atender, nin de colaborar ou axudar, non falamos de manter vivo o espírito de grupo, nin de utilizar os coñecementos docentes para asegurar a integridade emocional do alumnado nun hipotético segundo confinamento. Non, falamos de dar clases e facer exames, falamos dun modelo educativo atávico e insuficiente, falamos de que a escola é sinónimo de aprendizaxe académica. Cando imos dar o paso á modernidade ?, cando imos entender que “o desenvolvemento cheo da personalidade a través da educación” non se consegue con controis e exames, e moito menos nestas circunstancias?
- Formación e información para o ensino a distancia: esa formación e información para o ensino dixital, que non necesariamente a distancia, debera formar parte dende hai décadas dunha moderna escola galega. Continuamos identificando traballo dixital con traballo a distancia provocado pola falta de presencialidade, cando o traballo dixital ten que ser unha ferramenta de uso cotián nunha escola non anquilosada no pasado. Un alumnado actualizado non precisaría desa formación específica, simplemente utilizaría en cada situación a ferramenta formativa axeitada. Un profesorado formado e actualizado tampouco tería que adaptarse agora aos coñecementos dixitais nin ao traballo en liña, por suposto. E antes de que ninguén o diga, a responsabilidade da formación do profesorado non é de ninguén máis que da administración educativa, que é quen ten as competencias e a obriga de dirixir e organizar aos corpos docentes.
- Controis de asistencia: está falado, para a consellaría de educación o principal problema en caso de confinamento é saber se o alumnado está pendente das clases en liña; non se lle ocorre preguntarse por cal dos miles de porqués pode ser que non estea, o interesante é controlalo. A empatía está ausente, o acompañamento tamén.
- Alumnado con necesidades especiais, menos mal que temos unha mención, nin falamos de como, pero a persoa que exerza a orientación no centro “velará” polo cumprimento do Plan Xeral de Atención á Diversidade. Con que medios?, con que profesorado?, con que facilidades?. Estas dúas liñas do Plan son absolutamente fume. Do confinamento anterior sabemos que o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo estivo totalmente abandonado á súa sorte nas súas casas, que ninguén -á parte por suposto das súas familias e algún-ha docente salientábel- mirou para eles-as, que retrocederon no conseguido, e que este curso están a facer un enorme esforzo de adaptación que agora pode verse novamente truncado. “Velará” é unha palabra oca se non leva ao seu carón os medios que a enchan. Hai que reforzar grandemente as equipas de orientación xa na vida ordinaria, para canto máis neste momento.
E a todo isto, quen vai atender as clases en liña cando non estea toda a aula confinada ?, que docentes van facer ese seguimento duplo do alumnado en aulas e na súa casa ? , que “profesorado ordinario” pode duplicarse para estar en dous lugares á vez e dar a mesma formación a dous grupos ao mesmo tempo?
En fin, logo de oito meses de experiencia estamos case onde estabamos, continuamos pensando que a única finalidade da escola é transmitir coñecementos. Non adaptamos currículos, nin para compensar o desastre do terceiro trimestre do curso pasado, nin para afrontar as dificultades deste; tivemos que chegar a un punto de case confinamento para comezar a pensar e facer “plans” de asistencia ao alumnado, e por riba estes plans limítanse a tentar clonar a escola na casa, como se unha escola se puidera meter nunha cámara de vídeo e convertela nunha película de visualización obrigatoria !!