Seguindo os acordos que tomamos na Confederación Anpas Galegas, da que somos asociadas, de que este curso as ANPAS non organicen as actividades extraescolares esta Federación non vai realizar ningunha actividade presencial das que se tiñan previstas e apoia a decisión das súas ANPAS asociadas de que non organicen actividades extraescolares presenciais no vindeiro curso 2020/2021.
ACTIVIDADES
EXTRAESCOLARES. ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
Con
data 22 de xullo de 2020, deuse a coñecer o Protocolo
de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario
de Galicia para o curso 2020-2021. Este documento ten por obxecto “(...) crear contornas escolares saudables e
seguras mediante o establecemento das medidas preventivas, colectivas e
individuais, que deban adoptarse no inicio do desenvolvemento do curso escolar
2020/2021, tanto polo persoal docente e non docente como polo alumnado e as
súas familias, co obxectivo de protexer e previr no máximo posible o risco de
contaxio por COVID-19. Inclúe as medidas de detección precoz dos casos e a súa
xestión axeitada (...)”.
Dentro
deste documento, contémplase a realización de actividades extraescolares fóra
da xornada lectiva dentro dos recintos dos centros educativos. Con independencia
de quen organice e xestione estas actividades, ANPAS ou Concello, as mesmas
estarán condicionadas á aprobación dun protocolo
que determinará as medidas de prevención
e protección fronte ao COVID e determinará con claridade as responsabilidades das persoas
organizadoras ou xestoras.
Nos
últimos anos, nunha sociedade na que a muller traballadora está incorporada ao
mercado laboral e cada vez son máis as familias monoparentais, a conciliación
das familias adoptou un cariz preponderante. Complementando ás medidas que
necesariamente deben partir do ámbito empresarial, as familias precisan de
actividades que faciliten a conciliación laboral e familiar.
Coñecendo
o importante papel que xogan as actividades extraescolares na conciliación da
vida laboral e familiar, lamentamos comunicar que esta Federación non vai
realizar ningunha actividade presencial das que se tiñan previstas e apoia a
decisión das súas ANPAS asociadas de que non van ofertar actividades
extraescolares presenciais no vindeiro curso 2020/2021, incluído o plan
madruga, salvo excepción da ANPA do CEIP da Espiñeira-Aldán, que aínda esperará
ata setembro a valoración de realizar o plan madruga ou non. A continuación explicamos os motivos que as
levan a tomar tan dolorosa decisión:
1º. As ANPAS son Asociacións de Nais e Pais de Alumnos,
e polo tanto, por definición somos
entidades sen ánimo de lucro. Entre
os nosos propósitos atópanse:
a. Representar ás nais e pais do alumnado.
b. Defender os intereses das familias do alumnado.
c. Promover das autoridades competentes, a adopción das
medidas necesarias para a mellora permanente da educación do alumnado e do
centro educativo.
d. Participar, colaborar e cooperar co centro en todo aquilo que
nos soliciten.
2º. Pensamos que unha entidade das nosas
características non debería ser responsable legal das consecuencias que se
poidan derivar dun contaxio, cando nin as Administracións e Poderes Públicos
están a asumir tal responsabilidade nos ámbitos da súa competencia. A
responsabilidade legal recaería directamente na Presidencia da ANPA, coas
consecuencias administrativas, penais e patrimoniais que se puideran derivar.
3º. A ANPA, tal e como se define, está formada por nais
e pais de alumnas e alumnos, non temos capacidade técnica nin coñecementos
suficientes para elaborar e redactar un plan de actuación que axude a previr e
protexer contra novos abrochos. No momento no que nos atopamos, ninguén pode
garantir un desenvolvemento de calquera actividade en grupo sen risco de
contaxio. Non estamos en disposición nin de elaborar un protocolo eficaz nin de
velar polo seu estrito cumprimento.
4º. Dende fai anos, as ANPAS vimos organizando e
xestionando actividades extraescolares e, nalgúns casos, servizos
complementarios (comedor). Sen embargo, non debemos esquecer que esta é unha
competencia das Administracións Públicas.
Debemos facer un pouco de memoria e lembrarlle a
Administración que no momento en que se implantou a xornada continua na
actividade lectiva, advertíase da necesidade de ofertar actividades
extracurriculares para complementar e enriquecer o crecemento como persoas das
nosas crianzas. A única medida que se adoptou neste senso, foi ampliar o
horario das bibliotecas escolares, abrindo as súas portas dúas horas máis polas
tardes. Esta non pode ser a única proposta suxerida pola Administración para
conseguir un crecemento integral do alumnado.
5º.
Pola súa
banda, as Administracións Locais veñen elaborando anualmente un catálogo de
actividades extraescolares para ofertar ás familias do municipio. Se ben é
certo, as mesmas están referidas única e exclusivamente ao ámbito deportivo,
cunha clara indiferenza por aspectos culturais, de ocio e vivencias que
entendemos deben axudar a conformar a escala de valores e principios das nosas
fillas e fillos.
A
pesar de seres o máximo responsable, a Administración Autonómica a través da
Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, é o único dos
axentes implicados que non está asumindo as súas competencias, e leva anos
beneficiándose do traballo realizado por os demáis axentes da comunidade
educativa.
Por
se o anterior non fose suficiente, debemos engadir as problemáticas sobrevindas
que nos atopamos na situación tan excepcional que vivimos a causa da pandemia
pola COVID-19, cun futuro incerto e unha elevada probabilidade de que a
actividade educativa sexa a distancia. Con todo non podemos máis, que lamentar
ter que adoptar esta decisión. Agardamos entendades os nosos motivos e
traballaremos coas direcións dos centros na procura de alternativas viables e
seguras para as nosas fillas e fillos.