miércoles, 29 de abril de 2020

Resumo instrucións Consellería Educación do 27 de abril

Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
Modifícase o marco normativo que rexe o desenvolvemento do curso 2019/20 e flexibiliza os criterios de promoción e titulación nas diferentes etapas educativas, quedando sen efecto o criterio do número de materias non superadas.
DIRECTRICES XERAIS
  • Todas as persoas responsables das tarefas educativas teñen que apoiar os estudantes e as súas familias, os docentes e todos os membros da comunidade educativa, polo que todas as decisións estarán suxeitas ás recomendacións sanitarias.
  • As actividades lectivas non se estenderán máis alá do 19 de xuño de 2019
  • As sesións de avaliación final de segundo curso de bacharelato deberán realizarse antes do día 9 de xuño de 2020 na convocatoria ordinaria, e na primeira semana do mes de setembro na convocatoria extraordinaria.
OS CENTROS EDUCATIVOS
  • Prestarán especial atención a identificar ao alumnado desconectado por diversas circunstancias ou non localizable, preparando plans especiais de reforzo.
  • Esforzaranse en identificar ao alumnado que carece de medios de conexión dixital, e arbitrarán as medidas necesarias para atendelo.
  • Intensificarán a posta a disposición do alumnado dos recursos tecnolóxicos e doutro tipo que necesiten para o desenvolvemento das súas actividades.
  • Adaptarán o modelo de titorías á nova situación, especialmente para o alumnado de 4º de ESO, 2º de FP Básica, 2º de Bacharelato e 2º de FP de grao medio.
  • Organizarán os seus recursos para a atención axeitada do alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) por medio da adaptación dos instrumentos, tempos e apoios que aseguren unha adecuada atención e avaliación.  E con especial coidado do alumnado con necesidade específica de apoio educativo (NEAE).
  • Os centros e profesorado revisarán os currículos e as programacións didácticas para centrar o terceiro trimestre nas aprendizaxes imprescindíbeis,  coidando de non penalizar nin sobrecargar de tarefas ao alumnado.
  • Durante o 3º trimestre desenvolverán actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación de APRENDIZAXES ANTERIORES que resulten necesarias para todo ou parte do seu alumnado. 
  • Promoverase o traballo colaborativo entre os equipos docentes.
  • Para o alumnado que non adquirise as aprendizaxes nos dous primeiros trimestres proporánselle actividades que lles axuden a adquirilas e superar a materia.
  • Flexibilizarán e adaptarán os currículos e programacións para axudar en todo o posible a que o alumnado de cursos que conducen a unha titulación de final de etapa poida alcanzala.
ADAPTACION DAS PROGRAMACIÓNS DIDÁCTICAS
  • Os departamentos didácticos, os equipos de ciclo e os equipos docentes de cada curso, baixo a coordinación e dirección da respectiva xefatura de departamento, coordinación de ciclo ou do titor ou titora de curso, adaptarán a programación didáctica identificando as aprendizaxes e competencias imprescindibles para o deseño de actividades de recuperación, repaso e reforzo,. Deberán detallar os criterios de avaliación e cualificación e establecer as datas e procedementos para a avaliación das materias pendentes.
  • Este documento de adaptación das programacións didácticas será remitido polos responsables da súa elaboración á dirección do centro antes do día 12 de maio de 2020 para o seu traslado á inspección educativa.  A dirección encargarase de publicalo na páxina web do centro nun lugar accesible a disposición de toda a comunidade educativa e de garantir a súa publicidade.  Así mesmo, o profesorado informará ao alumnado da súa área, materia, ámbito ou módulo.
AVALIACIÓN, PROMOCIÓN E TITULACIÓN
  • A avaliación e cualificación realizarase sobre as aprendizaxes desenvolvidas durante os dous primeiros trimestres; xunto coas actividades de reforzo, recuperación e ampliación de aprendizaxes anteriores, sempre e cando estas beneficien ao alumnado.
  • Prestarase atención á avaliación do alumnado con materias pendentes.  En caso de non dispor de información obxectiva para avalialo, poderá ser convocado a unha proba telemática ou á  realización de traballos ou actividades que permitan unha avaliación obxectiva .
  • A avaliación será continua con carácter diagnóstico, formativo, de medidas de recuperación, de reforzo e de identificación de contidos en todas as etapas, ciclos e ensinanzas, co obxectivo de permitir o avance de todo o alumnado.
  • Emitirase un informe individual onde se valore os avances realizados e/ou os déficit que puidesen producirse en cada un dos alumnos e das alumnas con  obxecto de planificar as medidas de recuperación que sexan necesarias e programar o próximo curso.
  • A promoción de curso será a norma xeral en todas as etapas considerándose a repetición de curso una medida moi excepcional.  En caso de haber materias pendentes deberá estar solidamente argumentada e acompañada dun plan preciso de recuperación para cada alumno ou alumna.
  • Os centros educativos revisarán e flexibilizarán os criterios de titulación en todas as etapas educativas.
LIÑAS XERAIS PARA A PREPARACIÓN DO CURSO 2020-21
  • Os centros e o profesorado organizarán plans de recuperación e adaptación do currículo e das actividades educativas para o curso 2020-2021, co obxecto de permitir o avance de todo o alumnado e especialmente dos máis atrasados.  Estarán baseados nos informes individualizados que se emitan ao final do presente curso e nas eventuais avaliacións iniciais que puidesen realizarse.
  • A programación do curso 2020-2021 deberá adaptarse a estas circunstancias, e deberán adoptarse as medidas necesarias de atención á diversidade.
  • Autorízase, de xeito xeral, a ampliación nun ano do límite de permanencia.
A XEITO DE RESUMO:
  • O terceiro trimestre deste curso 2019-2020 dedicarase a RECUPERAR, REPASAR, REFORZAR E AFONDAR NAS APRENDIZAXES XA TRABALLADAS nos dous primeiros trimestres do curso.
  • Flexibilizaranse e adaptaranse os criterios de avaliación en cada curso.
  • Avaliarase sobre as avaliacións anteriores, valorando as actividades desenvolvidas durante a fase de confinamento, SEMPRE QUE SEXAN favorecedoras para o alumnado.
  • Flexibilizarase a promoción de curso, sen ter en conta o número de materias pendentes: a repetición será unha medida excepcional.
  • Adaptaranse as programacións didácticas do próximo curso 2020-2021 para incorporar os obxectivos, contidos e aprendizaxes que, polas circunstancias especiais do terceiro trimestre, non fosen abordadas.



Preme aquí se queres ver as instrucións completas.