Estimada Conselleira de Educación, Universidade e Formación profesional
Dende a Confederación ANPAS Galegas, en representación das familias dos centros escolares públicos galegos, tendo en conta esta situación excepcional e extraordinaria provocada polo crise do COVID-19, e ante a previsión de que se propoña o cambio dos libros de texto de 3º e 5º de Educación Primaria do curso 2020-21, quixeramos facer as seguintes consideracións:
- A adquisición de Libros de Texto suporía un gasto difícil de asumir por parte das familias galegas, mais aínda cando moitas familias viron como empeoraba a súa situación económica de forma repentina neste estado de alarma.
- O próximo curso 2020-21, tendo en conta que está previsto adaptar os currículo para poder compensar a situación excepcional na que se está a desenvolver este trimestre, os novos libros de texto non se adaptarían ás modificacións provisionais que se fagan..
- A previsión da aprobación dunha nova Lei Educativa por parte do Goberno do Estado, podería implicar a actualización, novamente no inmediato, dos libros de texto.
- A administración educativa tería tamén que facer un importante investimento na adquisición de novos libros que substituirán aos que agora posúen os “fondos solidarios” que xestiona a consellaría de educación. Investimento que, como indicamos no punto anterior, probablemente habería que repetir nun próximo futuro.
En consecuencia, e tras o exposto anteriormente,
SOLICITAMOS:
Que se prorrogue, a vixencia dos actuais libros de texto en todo o sistema educativo pre-universitario galego, cando menos ata a normalización da situación curricular e normativa.
Utilizar esta circunstancia para recuperar o sistema de préstamo universal de libros de texto, no que se debe incluír todo o material adaptado preciso para o alumnado de necesidades específicas de apoio educativo, para garantir o dereito ao Ensino obrigatorio gratuíto que establece o artigo 27 da nosa Constitución. Esta sería, sen dúbida, unha excelente maneira de aproveitar o actual contexto económico para traballar por un sistema educativo onde prevalezan os criterios de equidade e igualdade para o noso alumnado, e tamén de apoio institucional ás familias galegas.