BY · 10 AGOSTO, 2020
E onde temos o plan B ?
A consellaría de educación lanzou á luz a mediados do mes pasado un “protocolo” de actuación para o inicio do curso escolar. Que o protocolo non lle serva a ninguén máis que a elas, que a comunidade educativa se opuxera dende todos os ámbitos e sectores, que as redes e os medios de comunicación estean saturadas de declaracións de familias contrarias ás pretensións da Xunta, non foi razón para que reconsideraran as súas instrucións, e de feito estas –sen variacións- pasaron a ser norma de uso o 23 de xullo pasado.
Ese mesmo 23 de xullo, había en Galicia 163 casos activos de coronavirus, segundo os datos a Consellaría de Sanidade. Hoxe, 9 de agosto, hai 591 casos, un incremento do 363 % en 17 días, e nun contexto exterior moito máis preocupante, onde xa se fala de segundas vagas de contaxio, e de confinamentos parciais.
A consellaría de sanidade, ademais, indícanos na súa páxina a necesidade de mantermos unha distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros; pero tamén nos informa da ocupación máxima dos diferentes locais e momentos da vida social: 75 % do aforo en bares, restaurantes, vodas, igrexas, velorios, cines…Isto acompañado dunha premisa xeral “nos espazos privados, abertos ou pechados de uso privado, recoméndase o uso da máscara, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal, aplicar as medidas de hixiene e limitar o número de asistentes que non debe superar as 25 persoas”.
Ou sexa, resumindo: 1,5 metros de seguranza, non máis de 25 persoas xuntas, e aforos ao 75 % de capacidade. Iso para a xente do común e para a vida diaria.
E nas escolas?, pois nos centros escolares somos “sitio distinto”, aquí non temos límite de aforo nas aulas, poderán estar xuntas 25 persoas en infantil e primaria, pero serán 30 en secundaria e 35 no bacharelato, a distancia de seguranza redúcese a un metro, e sen máscara, e os aforos de ocupación son totais, agás da biblioteca –ha ser que os libros contaxian máis. Iso si, no transporte escolar xa non hai límites, poden ir todas amoreadas que non pasa nada, din.
O problema está en que coas circunstancias do 23 de xullo o protocolo de inicio do curso era un engano, porque as súas instrucións eran inaplicábeis e inseguras; pero coa situación actual, coa OMS afirmando, en boca do seu director de emerxencias sanitarias, que reabrir as escolas naquelas países onde a transmisión do coronavirus aínda sexa alta “só vai empeorar a situación”, as familias galegas con fillos menores de 18 anos estamos absolutamente preocupadas pola saúde das nosas fillas e fillos, e pola posibilidade de que os centros escolares se convertan nunha trampa para eles e para as súas familias.
E a Xunta?, e a consellaría de educación?, porque non poden dicirnos que a situación non cambiou, que non hai novos datos, que non existe a preocupación lexítima nas familias, non poden dicirnos que están de vacacións tamén agora.
Onde está o plan B da consellaría?, onde está previsto que facer neste novo escenario, e nos que se poidan ir producindo?, onde van quedar as organizacións espaciais, baseadas exclusivamente na utilización masiva de xel hidroalcólico, no lavado de mans, e nas frechas de dirección pegadas nos chans, cando non se poida asistir nin sequera ás clases masificadas que a consellaría ten planificadas?
Que se fixo até agora, dende o 16 de marzo pasado, para asegurar que o sistema poida funcionar sen presencialidade dun xeito homoxéneo e garante de igualdade, aínda que só sexa cun criterio de mínimos, porque sabemos que o ensino presencial non é substituíbel?, onde están os plans de reforzo da conectividade no amplo e abandonado rural galego? Onde está a formación do profesorado para a utilización produtiva das aulas virtuais e das ferramentas de comunicación que tan febles se demostraron no derradeiro trimestre do curso pasado?
Sra Conselleira de educación, ninguén pode prever o que vai acontecer; pero vostede si pode traballar nos diferentes escenarios que xa se van albiscando; as familias e a infancia e xuventude galegas non nos merecemos a incerteza e o medo que estamos a pasar, nin tampouco estamos dispostas a arriscar a saúde das nosas fillas e fillos á súa incapacidade para prever os diferentes escenarios posíbeis.
Falta pouco máis dun mes para que o curso comece, non podemos seguir improvisando.
Confederación ANPAS GALEGAS