jueves, 13 de agosto de 2020

Comunicado actividades extraescolares e complementarias.

Seguindo os acordos que tomamos na Confederación Anpas Galegas, da que somos asociadas, de que este curso as ANPAS non organicen as actividades extraescolares esta Federación non vai realizar ningunha actividade presencial das que se tiñan previstas e apoia a decisión das súas ANPAS asociadas de que non organicen actividades extraescolares presenciais no vindeiro curso 2020/2021.


ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES. ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

 

Con data 22 de xullo de 2020, deuse a coñecer o Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021. Este documento ten por obxecto “(...) crear contornas escolares saudables e seguras mediante o establecemento das medidas preventivas, colectivas e individuais, que deban adoptarse no inicio do desenvolvemento do curso escolar 2020/2021, tanto polo persoal docente e non docente como polo alumnado e as súas familias, co obxectivo de protexer e previr no máximo posible o risco de contaxio por COVID-19. Inclúe as medidas de detección precoz dos casos e a súa xestión axeitada (...)”.

Dentro deste documento, contémplase a realización de actividades extraescolares fóra da xornada lectiva dentro dos recintos dos centros educativos. Con independencia de quen organice e xestione estas actividades, ANPAS ou Concello, as mesmas estarán condicionadas á aprobación dun protocolo que determinará as medidas de prevención e protección fronte ao COVID e determinará con claridade as responsabilidades das persoas organizadoras ou xestoras.

Nos últimos anos, nunha sociedade na que a muller traballadora está incorporada ao mercado laboral e cada vez son máis as familias monoparentais, a conciliación das familias adoptou un cariz preponderante. Complementando ás medidas que necesariamente deben partir do ámbito empresarial, as familias precisan de actividades que faciliten a conciliación laboral e familiar.

Coñecendo o importante papel que xogan as actividades extraescolares na conciliación da vida laboral e familiar, lamentamos comunicar que esta Federación non vai realizar ningunha actividade presencial das que se tiñan previstas e apoia a decisión das súas ANPAS asociadas de que non van ofertar actividades extraescolares presenciais no vindeiro curso 2020/2021, incluído o plan madruga, salvo excepción da ANPA do CEIP da Espiñeira-Aldán, que aínda esperará ata setembro a valoración de realizar o plan madruga ou non.  A continuación explicamos os motivos que as levan a tomar tan dolorosa decisión:

1º.    As ANPAS son Asociacións de Nais e Pais de Alumnos, e polo tanto, por definición somos entidades sen ánimo de lucro. Entre os nosos propósitos atópanse:

a.       Representar ás nais e pais do alumnado.

b.       Defender os intereses das familias do alumnado.

c.       Promover das autoridades competentes, a adopción das medidas necesarias para a mellora permanente da educación do alumnado e do centro educativo.

d.       Participar, colaborar e cooperar co centro en todo aquilo que nos soliciten.

2º.    Pensamos que unha entidade das nosas características non debería ser responsable legal das consecuencias que se poidan derivar dun contaxio, cando nin as Administracións e Poderes Públicos están a asumir tal responsabilidade nos ámbitos da súa competencia. A responsabilidade legal recaería directamente na Presidencia da ANPA, coas consecuencias administrativas, penais e patrimoniais que se puideran derivar.

3º.    A ANPA, tal e como se define, está formada por nais e pais de alumnas e alumnos, non temos capacidade técnica nin coñecementos suficientes para elaborar e redactar un plan de actuación que axude a previr e protexer contra novos abrochos. No momento no que nos atopamos, ninguén pode garantir un desenvolvemento de calquera actividade en grupo sen risco de contaxio. Non estamos en disposición nin de elaborar un protocolo eficaz nin de velar polo seu estrito cumprimento. 

4º.    Dende fai anos, as ANPAS vimos organizando e xestionando actividades extraescolares e, nalgúns casos, servizos complementarios (comedor). Sen embargo, non debemos esquecer que esta é unha competencia das Administracións Públicas.

Debemos facer un pouco de memoria e lembrarlle a Administración que no momento en que se implantou a xornada continua na actividade lectiva, advertíase da necesidade de ofertar actividades extracurriculares para complementar e enriquecer o crecemento como persoas das nosas crianzas. A única medida que se adoptou neste senso, foi ampliar o horario das bibliotecas escolares, abrindo as súas portas dúas horas máis polas tardes. Esta non pode ser a única proposta suxerida pola Administración para conseguir un crecemento integral do alumnado.

5º.    Pola súa banda, as Administracións Locais veñen elaborando anualmente un catálogo de actividades extraescolares para ofertar ás familias do municipio. Se ben é certo, as mesmas están referidas única e exclusivamente ao ámbito deportivo, cunha clara indiferenza por aspectos culturais, de ocio e vivencias que entendemos deben axudar a conformar a escala de valores e principios das nosas fillas e fillos.

 

A pesar de seres o máximo responsable, a Administración Autonómica a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, é o único dos axentes implicados que non está asumindo as súas competencias, e leva anos beneficiándose do traballo realizado por os demáis axentes da comunidade educativa.

Por se o anterior non fose suficiente, debemos engadir as problemáticas sobrevindas que nos atopamos na situación tan excepcional que vivimos a causa da pandemia pola COVID-19, cun futuro incerto e unha elevada probabilidade de que a actividade educativa sexa a distancia. Con todo non podemos máis, que lamentar ter que adoptar esta decisión. Agardamos entendades os nosos motivos e traballaremos coas direcións dos centros na procura de alternativas viables e seguras para as nosas fillas e fillos.