Ola familias, dende a Federación de ANPAS de Cangas "A Gameliña" convidámosvos este venres 15 de novembro e o venres 29 de novembro, ás 18h, na Sala de exposicións do Auditorio de Cangas a un espectáculo familiar.
Novos Lobos de Fantoches Baj.
Novos lobos é un espectáculo de narración oral e monicreques que aborda o xénero desde a perspectiva das novas masculinidades. Deconstrúense nel algúns contos da literatura popular para adaptalos a unha nova ollada, nunha tentativa de ofrecer ferramentas conceptuais ao alumnado que axuden a prever a violencia de xénero. O espazo no que sucede a acción é un pequeno refuxio da montaña no que un pastor está coidando das súas ovellas (o público).
Estrafalaria de Xarope Tulu.
Este espectáculo combina a narración oral coa manipulación de obxectos e onde o público participa activamente do relato. Os personaxes que interveñen na historia caracterízanse pola súa peculiaridade e levan a diferenza como bandeira. Unha proposta para entender que a diversidade é enriquecedora e imprescindible para vivir nun mundo onde predomine a tolerancia, a solidariedade e a convivencia. Un mundo no que as mulleres poidamos ser nós mesmas a cada momento.
¡AGARDÁMOSVOS!
A Federación de ANPAs de centros públicos A Gameliña realiza estas actividades o aveiro da "Axudas dirixidas ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia coa finalidade de potenciar a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero".