Agora todas precisamos apoio
Levamos unha semana de encerro, sen clases e sen saír da casa; o profesorado, moitas delas, enviaron traballos para facer na casa, por medios diversos, máis ou menos interactivos (máis ben menos), a consellaría puxo ao noso dispor os recursos que ten para a atención en liña (moi poucos e cutres); e estase instalando unha certa normalidade.
Unha normalidade de descubrimento, estamos notando as eivas de non estar nunha aula, de non ter un contacto directo co mestre ou mestra, de non falar coa compañeira, estamos notando que as cousas son máis difíciles para moitas das nosas fillas e fillos, e por descontado para nós !! , e xorden as queixas e as voces altas: non hai infraestruturas !!, non hai preparación para aulas virtuais !!, precisamos unha atención máis personalizada !!.
Non vos soa ese discurso ?, que ten de diferente co que sempre dicimos as miles de persoas que teimamos na defensa da diversidade e do Ensino Público?, cal é a auténtica razón de que non exista capacidade real, estando xa na terceira década do século XXI, para que isto sexa máis doado ?. Pois unha soa, que non pensabamos que fixera falta e non o esiximos coa suficiente contundencia.
Hai moitas persoas que nunca teñen esa atención máis personalizada que agora botamos en falta, hai moitas nenas e nenos que imos deixando abandonadas porque non son quen de continuar o ritmo “normal” dun curso académico, referímonos a esas para as que estamos de seguido a reclamar máis atención, máis medios, máis profesorado, máis infraestruturas, máis dedicación. Pero é agora, cando vemos que van ser as nosas fillas e fillos “normais” quen están en perigo de non poder seguir ese ritmo, cando denunciamos e pedimos remedios.
Hoxe é coma se todas estiveramos enfermas e tiveramos que ficar na casa a agardar a nos poder reincorporar ao mundo real, ainda que agora de certo non avanza. Pero cando esa enfermidade so a teñen unhas poucas nenas e nenos o mundo si continúa, e cando moitas reclamamos atención domiciliaria, a sociedade mira para outro lado, disposta a sacrificar unhas poucas persoas ao avance imparábel da xente “normal”.
Hoxe todas temos un único lugar onde estar, unha única visión dende as nosas ventás, un anaco pequeno de ceo que mirar, o que a cada quen lle toque; pero cando volvamos ao mundo “normal” quizais retornemos tamén a facer viaxes que moitas non poden pagar, a destinos aos que hai compañeiras que non poden acceder, innecesarias actividades cheas de exclusión para as que non son “normais”.
O que certamente temos hoxe é unha oportunidade para pensarmos que xa tampouco nós somos “normais”, nin as nosas fillas e fillos, ninguén o é xa. Pero pensade que as que xa non eran “normais” antes desta situación, arestora aínda o son menos, aínda teñen máis dificultades, máis soidade, máis abandono, aínda van quedar máis apartadas do regreso.
Durante estes días nos que seremos conscientes de sermos diversas e únicas, nos que teremos que vivir de acordo coas nosas circunstancias persoais, porque será todo o que temos, que tal se pensamos que se esta sociedade estivera organizada para acollernos a todas, pode ser que agora poderiamos estar a utilizar as aulas virtuais que tiveramos funcionando para atender ás persoas enfermas ?, e que teriamos profesorado formado na atención a toda a diversidade cos máximos medios. E ata pode ser que tiveramos experiencia na aceptación e resolución das dificultades que fixera máis doado o confinamento, e que posuíramos a capacidade de colaboración e empatía coas que o precisen que agora se albisca tan necesaria?.
Que tal se aproveitamos para cambiar algo de noso, e para esixir que cambie todo no noso Ensino Público Galego, xa que estamos descubrindo que o que temos non vale gran cousa ?