Ola familias, partillamos o escrito enviado a Consellaría de Educación e a prensa dende a Confederación ANPAS Galegas
A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN NON DÁ RESPOSTAS SOBRE O CORONAVIRUS
No día de hoxe envíamos o seguinte comunicado a prensa da Confederación ANPAS GALEGAS, remitido asimesmo á consellaría de educación.
Hai unha semana, o pasado 4 de marzo, esta Confederación enviou un escrito á Consellaría de Educación, e tamén aos medios de comunicación, no que solicitabamos que elaborasen instrucións claras para todos os centros escolares galegos sobre a xestión das excursións ás zonas de risco de contaxio por coronavirus e sobre o tratamento que se ten que dar ao alumnado retornado.
Tamén reclamamos naquel momento que nesas mesmas instrucións se lembrara a importancia de facilitar o cumprimento das medidas de hixiene, nomeadamente que se asegurase a subministración de xabón nos baños para asegurar o lavado de mans, unha das principais medidas que as autoridades sanitarias están reclamando da poboación.
A resposta da consellaría de educación foi difundir a información sanitaria actualizada na súa web a partir do día 5 de marzo, logo de que nós requirísemos que actuaran, e ademais desculpar a súa inacción da seguinte maneira: “A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, recoñece a autonomía dos centros educativos, autonomía que debe respectarse desde esta Consellería. Porén, debe indicarse que esta Consellería trasladou a todos os centros as recomendacións das autoridades sanitarias, e se realiza un seguimento de calquera incidencia que poida producirse ao respecto” (Resposta do Secretario Xeral Técnico da Consellaría a esta Confederación o 6 de marzo de 2020).
Resulta evidente para todas as persoas que non estean dirixindo a consellaría de educación que a autonomía dos centros educativos non ten nada que ver coas alertas sanitarias que afectan a toda a poboación en tanto cidadanía, non por formar ou non parte da comunidade educativa; así como que as direccións dos centros educativos están perfectamente capacitadas para ler por si propias as recomendacións das autoridades sanitarias, non é iso o que se agarda das autoridades educativas.
Unha semana máis tarde, as instrucións requiridas dende esta Confederación continúan sen chegar, en moitos centros educativos galegos continúa sen haber xabón ou papel hixiénico nos baños do alumnado, hai centros onde –malia a recomendación constante de suspender as viaxes por parte das autoridades sanitarias- aínda se manteñen excursións en programa, tanto as que están a facerse neste momento como as que teñen previstas para as datas próximas; nun contexto de limitación constante de situacións de aglomeración de persoas, non hai ningunha explicación sobre o que vai ocorrer nos centros educativos, teñan o tamaño que teñan, porque hainos con aglomeracións de máis de mil persoas, que ven sendo a cifra que o propio presidente da Xunta dá como recomendábel para cancelar os actos públicos; non hai información de ningún tipo que contribúa a tranquilizar á cidadanía.
Malia a sensación global de desatención que estamos percibindo entre as familias, esta Confederación quere enviar unha mensaxe de calma, de tranquilidade, e de confianza nas autoridades sanitarias; pero tamén pensamos que debemos enviar unha mensaxe de requirimento ás autoridades educativas para que manteñan unha constante información á cidadanía, nomeadamente á comunidade educativa, sobre cales están a ser as medidas que teñen previstas nos diferentes escenarios nos que podemos atoparnos.
Cando toda a información publicada está dicindo que esta situación reviste caracteres de gravidade, non podemos consentir das responsables educativas que abandonen a súa responsabilidade, ou que se agochen detrás da xeneralidade da información sanitaria. As autoridades educativas galegas xestionan o día a día de miles de rapaces e rapazas, e indirectamente inciden na vida cotián de todas as familias galegas; ninguén agarda que veñan dese lado as recomendacións de saúde, pero todas as familias precisamos ter unha consellaría de educación que funcione, que informe, que tome decisións concretas sobre as situacións que están en debate, que responda dun xeito uniforme en todo o territorio galego de acordo coa importancia relativa que a enfermidade vaia tendo en cada poboación, que deixe de abeirarse nunha autonomía de centros que non é aplicábel neste caso baixo ningún pretexto, e que demostre que ten previsto, ata onde sexa previsible, que é o que se vai facer , e canto diso está xa programado e preparado.
Un saúdo.
Compostela, na data da sinatura dixital deste escrito
Fernando Lacaci Batres
Presidente da Confederación ANPAS GALEGAS
Eiquí o enlace directo a web: