Aquí deixamos a moción completa que foi aprobada no Pleno de febreiro.
Moción sobre a xestión dos comedores e aula matinal nos centros de ensino do Concello de Cangas. A Federación de Centros Públicos de Cangas “A Gameliña” na que forman parte á ANPA Cruz de Castro (EI Galiña Azul do Hio), ANPA Choupana (EI Galiña Azul da Choupana), ANPA A Rúa (CEIP A Rúa), ANPA Fornobedo (CEIP Castrillón-Coiro), ANPA Espiñeira (CEIP Espiñeira-Aldán), ANPA do Hio (CEIP do Hio), ANPA Terazán (CEIP Nazaret), ANPA San Roque (CEIP San Roque), ANPA IES Rodeira (IES Rodeira), ANPA María Soliño (IES María Soliño) e ANPA Piñeiral do Rei (IES Monte Carrasco) presenta esta moción sobre os comedores escolares e o aula matinal do noso Concello para o seu debate no Pleno do Concello de Cangas.
Exposición de motivos:
Dentro das obrigas da Consellaría de Educación figura a xestión das actividades complementarias como son os comedores e as aulas matinais e tamén dende os Concellos debe existir un compromiso para que estes servizos se leven a cabo sen distincións segundo o centro escolar onde a rapazada este matriculada.
No noso Concello temos diferentes modelos de xestión no servizo de comedores nos centros de Primaria. Temos dous comedores xestionados directamente pola Xunta con cociña propia (CEIP Castrillón e CEIP San Roque) e 4 xestionados polo Concello a través dun convenio asinado coa Xunta de Galicia (CEIP A Rúa, CEIP Espiñeira, CEIP do Hio e CEIP Nazaret).
Estes dous modelos de xestión fan unha clara diferenciación entre as familias de Cangas tanto a nivel alimentario como económico.
Sumado a este servizo que non é máis que unha medida de axuda a conciliación ás familias para que mulleres e homes podan acceder en igualdade de oportunidades a vida laboral temos que engadir o servizo de aula matinal que é un servizo de atención as crianzas dentro de cada centro escolar de primaria nas horas que van antes do inicio das clases que na actualidade as ANPAs están asumindo a súa xestión a pesar de que non é unha competencia que figure entre as súas funcións.
Por todos estes motivos propoñemos o seguinte ACORDO para que o Pleno do Concello de Cangas inste ó Goberno Municipal para que:
1. O Pleno do Concello de Cangas insta a Consellaría de Educación a asumir o servizo de comedor e aula matinal en todos os centros escolares públicos do Concello de Cangas garantindo que toda a rapazada deste Concello acceda en igualdade de condicións.
2. O Pleno do Concello de Cangas insta ó Goberno Municipal namentres non asuma a Xunta de Galicia a súa xestión directa que comece coa nova licitación do comedor e continúe prestando o servizo así como que aumente os recursos destinados ós comedores escolares e mellore a calidade do servizo garantindo unha alimentación saudable, equilibrada, de proximidade e adaptada as crianzas.
3. O Pleno do Concello de Cangas insta ó Goberno Municipal, que namentres a Consellaría de Educación non asuma a responsabilidade da xestión das Aulas Matinais asuma a súa xestión ou organización dende o Concello para que as ANPAs deixen de prestar este servizo.